24.11.14

Obradoiro "Cousas de Mulleres " no Centro Lalín, Agolada e Silleda, o sábado 22/11/14.












Desta, "Violencia de xénero": A violencia de xénero é unha relación a-simétrica de poder. As nosas subxetividades e as dos homes construíronse nuhna cultura patriarcal. Partindo das ideas de cada unha de nós, d´alghuns exemplos coñecidos, opinamos, debatimos e, nuhna reflexion final nos subgrupos, logo duhna escena teatral, tentamos darlle a volta ao tema. Pechamos cos versos de  "O poema de Lucía" de Kiko Neves.
Agradecementos especiais: a Cristina Reges pola súa achega dende a perspectiva de xénero, e a Delfina Blanco pola obra de teatro da súa autoría. E grazas a todas pola activa participación!!

1.11.14

En "A Fondo" de "Sermos Galiza", Débora Campos fala das comunidades galegas emigradas. - Outubro 2014.

"Busquei achegar o lado B das comunidades galegas emigradas"

Débora Campos é activa cidadá da Galiza exterior. Xornalista, membro da RAG e presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, cociña dende Bos Aires o A Fondo desta semana.

Campos é filla da emigración. Nacida en Bos Aires, de nai e pai galegos, coñece de primeira man a vivencia do país ao lonxe. Nela abonda o A Fondo desta semana. O caderno de análise de Sermos Galiza, nesta entrega dedicado ás comunidades galegas no exterior, chegará a quinta feira aos quiosques do país, conxuntamente co número 120 do semanario.
-Comunidades galegas emigradas é un tema abondo amplo. Como decidiches concretalo na coordenación deste A Fondo?
-Dalgunha maneira busquei achegar o lado B desas comunidades galegas emigradas. Saír do estereotipo. Toda a Galiza sabe qué é o Centro Galego de Bos Aires, pero moitos galegos descoñecen o traballo extraordinario que fai o Instituto Santiago Apóstol polo ensino en galego na diáspora. Velaquí o punto de vista.
-Será un A Fondo para desmontar tópicos, para coñecer novas caras da emigración…
-Esa foi a intención, cando menos. As comunidades galegas perviven no mundo, pero tamén agroman outras maneiras da emigración, outras maneiras de ser cidadáns galegos fóra da Galiza.
-Que persoas colaboraráhn neste suplemento? Por que pensaches nelas?
-Poderedes ler dúas historias da emigración máis recente: unha que chega á Galiza, a do escritor Eduardo Estévez, e outra que sae da Galiza, a do escritor Francisco Castiñeira. Dúas historias de vida, cunha profesión en común, pero camiños opostos (ou non tanto?). Logo, os alumnos e as alumnas do A Fondo quinto ano de bacharelato da única escola galega oficial fóra da Península, o Instituto Santiago Apóstol, contarán por que están formándose en galego na cidade de Bos Aires. Dende os Estados Unidos, o profesor Gabriel Rei-Doval, un dos grandes impulsores do galego nese país, dá conta dunha operación académica moi audaz: a visibilización dos estudos galegos como disciplina científica na maior potencia do mundo. E, para pechar, a especialista Micaela Fernández Darriba bota unha ollada á emigración en clave feminina. Porque pasan os anos, pasan as xeracións e as mulleres seguimos sendo as que fomos.
GALEGAS EMIGRADAS
-É, a das mulleres emigrantes, unha historia aínda por coñecer?
-É unha historia por coñecer. O traballo de Micaela Fernández Darriba leva anos percorrendo esas historias anónimas, tanto como fai o colectivo de galegas emigradasHerbas de Prata por traballar con elas na autoestima e na visibilización das problemáticas que lles son propias. Non chega unha edición de A Fondo, tristemente, para mirar un universo tan enorme.
-Que supón, hoxe en día, ser muller e emigrante?
-Que supón, hoxe en día, ser muller e emigrante?
-Supón ser invisíbel para as narracións canónicas sobre o tema. Supón o mesmo que ser muller e traballadora, ou muller e ilegal, ou muller e científica: traballar o duplo para que che paguen o mesmo que aos teus compañeiros; postergar calquera proxecto familiar porque as empresas non son moi sensíbeis a estes desexos persoais; e supón, como ben di Micaela Fernández Darriba, ser unha trapecista sen rede.
EMIGRACIÓN E ESCRITA
-Francisco Castiñeira fala dende a súa experiencia de escritor e emigrante. É este un binomio con características específicas?
-O que fai especial a historia de Francisco Castiñeira é que el escolleu funcionar como escritor dentro do sistema literario galego vivindo en Alemaña. Esas maneiras da pertenza, da cidadanía, son sempre desafiantes porque os Estados non son tan flexíbeis e aínda pensan as nacionalidades e os dereitos en función de relacións que xa non existen. Por outra banda, a historia de Francisco Castiñeira funciona en diálogo coa do escritor Eduardo Estévez, que fixo un camiño oposto: de América Latina á Galiza, do castelán ao galego. Porque tamén él é un poeta galego, pero porque si, porque lles gusta, porque lles peta e queren e dálles a gana. 

-Na túa opinión, que achega a escrita dende a emigración á literatura galega?
-Achega a certeza de que a Galiza é moito máis cun recanto da península Ibérica. Galiza é un pobo espallado no mundo. Un pobo que escribe, que fai música, que ten empresas e fai negocios. O día que o goberno galego se decate dese potencial, outro galo cantará para todos vós e todos nós.
-Eduardo Estévez fálanos dunha emigración de ida e volta ao longo do tempo, cando el emigrou á Galiza da que proviña a súa familia. Por que decidiches abordar esta realidade no A Fondo?
- Sobre todo porque a emigración é moito máis doada hoxe e moito máis flexible. É dura coma sempre foi. É unha merda porque quen marcha faino porque non atopa o que necesita na súa terra. Pero as maneiras da cidadanía son hoxe moitas e moi interesantes. E falo da cidadanía pero tamén das profesións e dos lazos familiares.
FACER HOXE AS AMÉRICAS
-Foi esta unha situación que se deu a coñecer sobre todo nos anos do boom económico en España e do "corralito" en Arxentina. Segue a producirse?
-Prodúcese á inversa. Vemos chegar cada semana mozos e mozas españois que desembarcan en América Latina cunha formación profesional que os seus devanceiros nin imaxinarían daquela e coa mesma necesidade dun futuro. As crises, cada vez máis, son un magnífico negocio que uns fan hoxe alá, mañá aquí, para que os ricos sexan máis ricos e os pobres máis pobres. Unha crise non é outra cousa que unha extraordinaria transferencia de riqueza dunhas mans ás outras. E aí andamos os galegos hoxe e os latinoamericanos onte: dun sitio para outro, vítimas deses sementadores de tempestades e os seus operadores políticos.
-Que motivou a escolla de Vítor Freixanes como entrevistado neste A Fondo?
-Víctor Freixanes e o equipo da Editorial Galaxia están levando adiante unha verdadeira cruzada. Na metade da crise, sen débedas nin grandes ocos financieiros, saen ao mundo a capitalizar esa presenza galega, sementada en décadas e décadas de emigración polo mundo adiante. O selo Mar Maior, que xa foi presentado en Bruxelas e en Madrid e que vai dar os seus primeiros pasos nos vindeiros meses na Arxentina, é unha aposta por interpelar aos lectores do mundo dende a nosa célula de universalidade que é a Galiza. Aos lectores galegos ofreceranos a posibilidade de mercar libros en galego a través dunha plataforma dixital. E aos lectores arxentinos, ou madrileños ou belgas, achegaralles na súa lingua o mellor dos escritores galegos.
-Que supón unha iniciativa como a que promove Gabriel Rei Doval en Estados Unidos, o proxecto académico de creación dun MLA sobre Literatura, lingua e Cultura Galega nos Estados Unidos?
-Supón, nin máis nin menos, que existir como tema, como desafío, como interese no corazón do sistema científico mundial. Fai máis polo futuro e a visibilización da Galiza Rei Doval co seu proxecto académico de creación dun MLA Galician Language, Literature and Culture Forum, que calquera político que asina un acordo no exterior que logo ninguén lembrará. Porque aí estase sementando futuras investigacións, futuros papers, futuros galicianistas que miran o que temos con admiración e interese. Ben o di mellor ca min: “Galicia, coidamos, debe adquirir entidade de seu e ofrecer por si mesma e sen peaxes externas unha contribución relevante ós debates culturais, literarios e lingüísticos neste subcontinente norteamericano que lidera tantos ámbitos no mundo académico internacional”.