30.11.07

Herbas de Prata nas Xornadas «Buenos Aires Gallega: inmigración, pasado y presente»


(Bos Aires - 16 de agosto) O colectivo
de galegas da diaspora Herbas de Prata foi convidado para participar das Xornadas «Buenos Aires Gallega: inmigración, pasado y presente» que tiveron sitio na histórica Manzana de las Luces da capital arxentina. A psicologa Patricia Alonso, secretaria da asociación, presentou unha ponencia que percorre o xurdimento de Herbas «De viudas de vivos a emigrantes: Las mujeres gallegas en Buenos Aires» da que tamén participaron a compostelá María Rosa Iglesias e a académica Pilar Cagiao Vila, da Universidade de Santiago de Compostela.

Os medios de prensa reflicten esta participación:

Homenaxe ás emigrantes galegas na Arxentina - páxina da Galega
Jornadas Buenos Aires Gallega - páxina do encontro
Tres días para descubrir esa Bos Aires galega - Vieiros
«En Arxentina discrimináronnos por ser mulleres e galegas» - La Voz de Galicia
Herbas de Prata, un colectivo feminino para emigrantes -
La Voz de Galicia
«Buenos Aires galega» reúne a 30 especialistas para analizar a presenza da diáspora na capital austral -
La Voz de Galicia

Autores galegos coas Herbas de Prata

Ao longo deste primeiro ano de vida, Herbas de Prata tivo a ledicia de coñecer a sobranceiros homes e mulleres da cultura galega. No mes de abril, visitaron Bos Aires co gallo da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, os poetas María do Cebreiro e Anxo Angueira e mais o funcionario e escritor Francisco Xosé Fernández Naval.



No mes de maio e para a mesma mostra, chegou un dos autores galegos con maior presenza internacional: Manuel Rivas. O xornalista escritor coruñés, tecedor de historias que se imprimiron na alma dos galegos e entre as que non fallan o conto A lingua das bolboretas ou a novela O lapiz do carpinteiro, presentou en Bos Aires a versión castelá da súa última novela, Os libros arden mal. Convidado pola Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, ofreceu unha charla.





E no mes de maio, tamén, chegou á Arxentina Suso de Toro. Viña convidado pola Secretaría Xeral de Inmigración e protagonizou conferencias e charlas no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Belgrano (UB) e tamén na Federación de Sociedades Galegas, ademáis doutros centros e institucións da colectividade galega en Bos Aires.







De todos aprendimos. Con todos gozamos da lectura.

Unha lectura colectiva de María Mariño para o Día das Letras Galegas


(Bos Aires, 17 de maio) – Unha emotiva lectura colectiva de María Mariño pechou o acto que o colectivo de galegas da diaspora Herbas de Prata organizou en Bos Aires para lembrar o Día das Letras Galegas. Antes diso, un video para lembrar á poetisa noiesa e unha charla aberta do poeta arxentino, fillo de galegos, Rodolfo Alonso convocaron a máis de cen persoas este xoves na Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina (FSG).

Convocado polas galegas de Herbas de Prata e a FSG, o acto comezou algo máis tarde porque unha folga de metro paralizou a cidade que quedou atrapada nunha desfeita de coches, buses e xentes que camiñaron máis cun peregrino. “O Día das Letras Galegas considero que ten que ser tamén o día da lingua galega porque o noso idioma foi castigado, prohibido e reprimido”, abriu o presidente da FSG, Francisco Lores Mascato. E engadiu: “Nos estamos perdendo o idioma e dun xeito ben acelerado. Con todo, en esta última viaxe vin en Vigo aos rapaciños pequenos que falaban o galego e emocioneime lembrando que até non fai tanto tempo eses mesmos nenos viaos falar en castelán. E emocioneime e non tiña por qué emocionarme. Porque eu estaba no meu país”.

Logo, foi a quenda da titular do colectivo de mulleres, a psicóloga social Adela Fernández Cruz, que lembrou que a casa na que naceu en Mugares (Ourense) era a escola do pobo e como o seu pai, xa en Bos Aires, recordáballe que no bus non estaba ben falar galego porque a xente podía non entendelos. “So moi de mallor entendín todo canto iso significaba”, dixo. “Dalgún xeito, o que facemos coas integrantes de Herbas de Prata é traballar na recuperación da identidade e da valoración desa identidade, dende logo tamén da lingua, achegándonos dende a acción ás problemáticas específicas das mulleres emigradas”.

Para lembrar e homenaxear á poeta María Mariño, os asistentes puideron descubrila nun video organizado para ese acto e que foi acompañado pola lectura dun perfil da autora noiesa que fora escrito pola licenciada en Letras Andrea Cobas Carral, ausente na xuntanza por mor dunha gripe.

De contado, o poeta Rodolfo Alonso percorreu -nunha charla aberta bautizada “Galicia, muller”- a figura de Rosalía de Castro para as letras galegas e para a literatura universal. “Sei que deberíamos falar de María Mariño, pero eu teño unha debilidade, case orgánica, por Rosalía”, comezou o primer traductor de Fernando Pessoa en América. “A grande poesía de Rosalía, coma pasa con toda grande poesía de calquera lugar, ten que ter relacion coa lingua falada por un pobo. Porque as linguas non saen das academias, as universidades e dos libros. As linguas nacían (e non digo nacen porque hoxe nacen da televisión e dos programas-lixo que pasan nela) dos pobos, nacian do uso de todos os días, nacían da fala. Coma toda a literatura do mundo, naceu da fala da xente”.

Para pechar o acto, e “para gañar o grolo de queimada”, coma bromearon os organizadores, o público foi convidado a engadir a súa voz a unha lectura colectiva de María Mariño: “Vimos de escoitar que María Mariño era costureira e iso é o que vos convidamos a facer, ir invando un a un os versos deste poema que tendes no programa de man, entre todos, para construir coas nosas voces o poema completo. Porque non hai mellor xeito de lembrar a un autor que lelo”, explicaron as mulleres de Herbas de Prata.

Así, a primeira voz que se escoitou foi a de Fernández Cruz que, co micro preto da boca, dixo: “Linme hoxe toda por dentro / Linme!". Os seguintes tres versos escoitáronse entre a xente, na voz dunha muller algo tímida. Silencio de dous segundos e dende o final da sala escoitouse a unha velliña que no seu galego aprendido na aldea case berraba: "Hoxe de quen todos somos na marea sin ondas, / sin velas, / sin barcos en coor vello." Coma se toda a lectura fora aprendida e ensaiada mil veces, a voz dun home salientou nas seguintes verbas, logo a dunha rapaza nun galego exótico e bonaerense, despóis unha muller insegura e logo dela outro home con pronunciación firme. Cando non houbo máis que ler, un silencio vibrante berraba a emoción da que ninguén fuxía. E de contado, un aplauso xordo e estrondoso deixou paso ás gaitas e panderetas.

Galegas no Día Internacional da Muller

(Bos Aires, 8 de marzo) – No salón da Asociación Mutualista Residentes de Vigo, ateigado de persoas para as que non chegaron as mais de 120 cadeiras previstas e con momentos de fonda emoción, o colectivo de galegas da diaspora Herbas de Prata lembrou hoxe ás emigradas que deixaron Galicia para construir a Arxentina.


Herbas de Prata entregou un recoñecemento á dona do recoñecido actor Tacholas, Clotilde Isabel Ippolito Zecca “Sabela”, que sempre foi apoio e compañeira inseparable do artista dende as sombras. A filla deles, Clotilde Iglesias, recebeu a lámina na que se nomea á sua nai membro fundador do colectivo xa que foi a sua historia a que deu idea de formar unha asociación de mulleres anónimas.



Cando chegou o seu momento, a experta en temas internacionais e portavoz do BNG no Parlamento Europeu, Ana Miranda, foi rotunda: “Non está escrita a memoria das mulleres anónimas, as novas e as máis mallores e ainda as que están por nacer, porque ainda hai emigración evidentemente. Tampouco a das que ficaron alá, en momentos nos que a tecnoloxía non favorecía as relacións coma hoxe que estamos todos os días no messenger falándonos ao outro lado do Atlántico”.

Pechou as intervencións o historiador e prohome da colectividade galega en Bos Aires Antón Pérez Prado que fixo unha agarimosa e divertida lembranza da sua nai chamada Fé e “ácrata”, según a perfilou o fillo.



De contado, Herba de Prata distinguiu a dúas mulleres para salientar o seu traballo público ou doméstico. As mulleres escollidas para este recoñecemento xurdiron dunha votación aberta. Este ano, o primeiro, levaron a distinción Rosalía a nai de Praza de Maio Dionisia López Amado, e a Virxinia Pereira foi para María Rosa Iglesias, unha compostalá emigrada con cinco anos.



Finalmente, o acto pechou coa lectura de poemas e algo de música. A actriz galego-arxentina María Inés Cuadrado puxo voz e emoción a uns versos que o poeta Rodolfo Alonso mandou especialmente para este acto e tamén a verbas de Rosalía de Castro. E a cantante Graciela Pereira interpretou música galega coa compaña dos asistentes.


Os mais de 150 homes e mulleres non sairon dalí sen tomar uns viños e bailar -os máis audaces- coa música da gaita de Gastón Quiroga e a pandereta de Javier Souto.

Mulleres na sombra

O colectivo Herbas de Prata (nome que remite a un dos seis poemas galegos escritos polo poeta Federico García Lorca) xurdiu da vontade dun grupo de galegas emigradas e descendentes de xuntarse para traballar por e para as mulleres non só dese colectivo. Fundado no ano 2006, achega a mulleres de todas as idades, todos os intereses e todas as profesións.

A nosa idea é a de tecer unha rede de mulleres emigradas e os seus descendentes que permita a colaboración con elas nas problemáticas propias. Para iso, algúns dos nosos propósitos son promover a capacitación das mulleres, a atencións dos seus problemas (lembremos que moitas nen sequera coñecen os seus dereitos), a posible vinculación coas institucións públicas e privadas pertinentes segundo os casos e todo canto veamos que se pode medrar nesas direccións.

Por iso, a procura de Herbas de Prata é que as galegas na emigración sexamos quen de axudarnos unhas ás outras, a pesar da lonxanía xeográfica e as diferencias culturáis dos nosos sitios de residencia, para -entre todas nós- mellorar os nosos proxectos productivos e individuais e ter maiores posibilidades de cumprir un soño común: mellorar a calidade das nosas vidas, da vida dos nosos e a das nosas comunidades. Reivindicamos a nosa pertenza, a nosa orixe e a nosa cultura. Galicia vive en nós. E nós tamén somos Galicia.